A historia deLORENA REINALDO
A música de Milladoiro foi a faísca que prendeu nunha rapaza que escoitou por primeira vez os acordes dunha arpa na obra do grupo folk máis internacional de Galicia. Desde ese momento Lorena Reinaldo quedou atrapada pola música tradicional e pola sonoridade dese instrumento.
Para conseguir unha arpa aprendeu a construír o instrumento na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO), onde se imparten obradoiros de lutería; tamén aí entraría en contacto con Rodrigo Romaní, arpista, membro fundador de Milladoiro e director nesa altura da Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu.
Desde o lugar da Montesiña, no concello de Soutomaior, Lorena segue hoxe a traballar no deseño e construción de instrumentos musicais. E todo por culpa de Milladoiro.